Monday 29 de April de 2024

Ordes solicítalle ao conselleiro de Política Social un Centro Polivalente na súa visita ao Concello


Rey Varela atendeu a petición realizada esta mañá polo alcalde e a concelleira de Servizos Sociais. A nova infraestrutura acollería actividades culturais e formativas, ademais doutros servizos de carácter social

O Concello de Ordes acolleu hoxe a visita do conselleiro de Política Social, Xosé Manuel Rey Varela, o cal foi recibido polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, e pola concelleira de Servizos Sociais Susana García. Tras asinar no libro de honra e visitar as instalacións iniciaron unha xuntanza de traballo na que se lle solicitou a execución dun centro polivalente para os veciños e veciñas de Ordes.

Entre outras características o novo inmoble estaría dotado dun amplo local no que se integrarían as actividades culturais, formativas etc desenvolvidas polas diferentes concellerías.

Ademais tamén acollería as funcións asistenciais de carácter social, tanto as de ámbito local como mancomunado, que a día de hoxe se están a ofrecer nos baixos da Alameda. “Unha relocalización que estamos seguros de que repercutiría moi positivamente tanto para os usuarios e usuarias como para os traballadores e traballadoras”, asegura o edil ordense. Para deseñar e acadar a máxima optimización e aproveitamento do proxecto Martínez Sanjurjo decántase por unha metodoloxía de traballo en conxunto cos técnicos das áreas de Servizos Sociais. “Sobre todo no que ás achegas dos equipamentos se refire” explica o edil. Unha filosofía de colaboración que “por suposto tamén se estende á Xunta de Galicia á hora de crear a nova infraestrutura e na distribución de espazos”, puntualiza Sanjurjo.

Pola súa banda un receptivo Rey Varela comprometeuse a valorar a petición formulada e a seguir mantendo un contacto directo para estudalo detidamente e traballar en prol do seu desenvolvemento.

Visita á Mancomunidade
Tras isto o conselleiro, nesta ocasión acompañado tamén pola directora xeral de Maiores, realizaron unha visita ao Servizo de Atención Temperá da Mancomunidade de Ordes, dotado o ano pasado cun premio Coopera pola súa eficiente xestión de recursos e polo seu alto nivel de satisfacción nos resultados acadados. Acompañados tamén polo presidente do ente e actual alcalde de Frades, Roberto Rey, así como por edís dos demais concellos, interesáronse polas condicións de traballo, o perfil dos usuarios e usuarias e a prestación de servizos en xeral. Unha vez nas instalacións da Mancomunidade toda a comitiva aproveitou para manter contacto con outros departamentos como o CIM, Prevención en Drogodependencias, Servizos Sociais, Servizo de Normalización Lingüística, Oficina de Cooperativismo ou o mesmo Departamento de Administración.